A que sabe a lúa? é un álbum ilustrado no que os animais únense para probar a que sabe a lúa.
Un libro tan redondo e saboroso como a lúa chea. Os animais da selva mostrarannos que as cousas compartidas sempre saben moito mellor.
Quen non soñou algunha vez con darlle unha dentada á lúa? Este foi precisamente o desexo dos animais deste conto. Era doce ou salgada? Tan só querían probar un anaquiño pero, por máis que se estiraban, non eran quen de tocala.
Daquela, a tartaruga tivo unha idea xenial: “Se sobes ao meu lombo, poida que cheguemos onda ela”, díxolle ao elefante.
Polas noites, miraban ansiosos para o ceo. Estarricábanse e estiraban o pescozo, as pernas e os brazos, tentando collela…
Esta é unha historia de desexos que parecen, a primeira vista, inalcanzables, como a lúa, pero que conseguen facerse realidade grazas á cooperación. Unha axuda mutua da que son partícipes animais moi variados: a tartaruga, sobre a que se sostería o mundo, segundo a mitoloxía; o elefante, a xirafa, a cebra, o león, o raposo… Ata que, finalmente, o máis pequeno de todos…
A medio camiño entre a fábula e a lenda, este relato ofrece unha poética ensinanza que fala de xenerosidade, solidariedade e soños compartidos. Cunha chisca de humor; o que achega unha lúa sorrinte, burlona e algo saltadora.
Podes ver e escoitar o conto contado AQUÍ.
Podes ler as primeiras páxinas AQUÍ.








