Descripción
O conto estrelado é un conto ilustrado de Raúl Marín Pazó e Michel Casado co prólogo de Óscar Reboiras Loureiro.
Velaquí o conto que contén tódolos contos… Velaquí a noite perfecta para soñar… Velaquí O Conto Estrelado.
Prepárate para sentar xunto o teu fillo, abrir as páxinas deste libro e deixar que os seus ollos curiosos se alimenten da súa cor, das súas palabras e da súa imaxinación.
Se es pai, de seguro que para ti un dos mellores momentos do día ten lugar cada noite. Nese intre no que o teu fillo che pide que lle leas un conto. É un momento voso, especial, case máxico. Ao que non renunciarías por nada. Ler é un pequeno ritual que non pode faltar antes de durmir. Así é como o pai de Mariña lle conta un conto moi especial cada noite, un conto no que as protagonistas son as estrelas.
Prólogo
«Se es pai, de seguro que para ti un dos mellores momentos do día ten lugar cada noite. Non o digo por poderes descansar e ter uns minutos para as túas cousas. Falo dese intre no que o teu fillo che pide que lle leas un conto. É un momento voso, especial, case máxico. Ao que non renunciarías por nada. Ler é un pequeno ritual que non pode faltar antes de durmir. E como en todo ritual que se prece, hai unha serie de regras e de pasos. No caso da miña filla, ela pídeme que sente no chan, ao seu carón. Sinala o conto que desexa para esa noite e mírame nerviosa. Por moito que coñeza a historia, por moito que lle repita sempre os mesmos espaventos ou reproduza uns efectos sonoros limitados, ela é como se o escoitase por primeira vez. As palabras e as imaxes cobran vida. A túa voz é para o teu fillo unha ponte que o transporta a lugares marabillosos, que lle fan abrir os ollos, conter o alento ou debuxar o seu sorriso de arco da vella. É o momento no que, xusto antes de que chegue o sono, comezades a construír os seus soños. É a porta que o transporta lonxe, moi lonxe sen saír da túa beira. É o conto estrelado, brillante e a un tempo cálido e acolledor que o deixa con esa sensación doce na punta da lingua, esa que xorde xusto antes de que che diga ata mañá, de que o atrape Morfeo e lle acariñe as súas pequenas pálpebras rebuldeiras ata pechalas. Primeiro chega a escuridade. Pero, xusto a continuación, xorden os soños. Seguramente segue a escoitar a túa voz, pois non hai ningún narrador que supere a mamá ou a papá»
Óscar Reboiras Loureiro.