Descripción
Quen é ese becho? é un libro de cartón duro para nenos, pre-lectores e primeiros lectores , escrito e ilustrado por Carmen Queralt. Emprega a colaxe para presentar de forma lúdica a fauna salvaxe diminuta do noso contorno a través de breves descricións.
Un conto que fomenta o recoñecemento da diversidade a través dos bechos, cuxo protagonista é o lector, que pode ver o seu reflexo nun espello interior. Porén, os protagonistas deste conto son criaturas ben simpáticas e curiosas.
Desde lonxe, todos os bechos parecen iguais,
pero se te achegas, verás que…
Creatividade, xogo e humor nun libro para practicar a descrición, o recoñecemento e asimilar o fenómeno da diversidade. Lonxe de xeneralizar sobre o aspecto dos bechos, os lectores descubrirán que teñen tamaños, formas e aparencias moi diversas. O texto é breve e sinxelo, escrito con maiúsculas para familiarizar os máis pequenos coas letras e facilitarlles a lectura.
Trátase dunha proposta enfocada á descrición e ao recoñecemento dos personaxes a partir das súas características, ata chegaren ao verdadeiro protagonista, que é o lector ou lectora.
É unha obra cunha atractiva proposta visual. Nas ilustracións, realizadas coa técnica da colaxe, superpóñense trazos de cores, predominan os deseños básicos, as texturas e os contrastes cromáticos. Amodo de xogo, as nenas e os nenos poderán descubrirse a si mesmos ao verse reflectidos nun espello incluído no interior do libro.